 |
| |
Manifesto do 25 de xullo
O Día da Patria Galega debería ser un día de unidade de todos os galegos e galegas, resulta desalentador que ano tras ano cada formación política veña utilizando este día dun xeito partidista, celebrando cadanseu acto por separado ,nunha loita por ver quen é o máis respaldado segundo o número de persoas que asistan.
Deste xeito convértese a festa da nosa terra, nunha feira na procura de acadar unha maior repercusión mediática. As postas en escena son variadas, pero no fondo caen no mesmo valeiro de sempre, verbas máis ou menos fluídas para vender a súa xarra de milagroso produto, que unha vez aplicado, non é tal.
Por iso os novos cargos directivos de TERRA GALEGA xurdidos do II Congreso do partido, xunto cos/coas militantes e simpatizantes que seguimos a crer ilusionados neste proxecto, pensamos que neste Día da Patria Galega deberíamos potenciar a construción dunha Galicia alonxada de eivas que veñen de antano e de discusións sin senso que non axudan a mellorar a vida na nosa terra.
En TERRA GALEGA sabemos que chegaron os novos tempos, cómpre que a nosa terra esperte do seu sono e que o noso fogar medre e mellore, implantando maiores cotas de xustiza, liberdade e solidariedade.
En TERRA GALEGA pensamos que cómpre defender a identidade nacional de Galicia e a súa consideración e tratamento socioeconómico como provincia única.
As persoas que integramos TERRA GALEGA sabemos que entrementres cuidamos con sentidiño dos rumorosos na costa verdecente, temos que alzar a nosa voz para vertebrar na nosa terra galega unha sociedade de economía produtiva e competitiva, que sexa sostible, e que incentive o esforzo e a creatividade.
Desde TERRA GALEGA animamos ás demais forzas políticas para que o vindeiro ano conmemoremos o Día da Patria Galega todos xuntos.
Xermán Tobío Padín Secretario Xeral de TERRA GALEGA
|
|
|